Eu estaba en Split nunha viaxe da Asociación de Amigos do Camiño, cando me enterei da invasión da Deputación polo Fiscal Xefe da Audiencia.

Era por maio. Hai case seis meses. E ardo en desexos de saber algo máis.

Comeza novembro, Cacharro en dique seco, o Fiscal Xefe felizmente incorporado ó País Basco, e o Parto dos Montes sen producirse.

É ben sabido que a xustiza (cousa de palacio, ó fin), vai despacio.

Pero dígannos algo, polo sí ou polo non. Para evidenciar que non foi un alarde mediático de impacto garantido que pegou un lostregazo en todo o país, e dun xeito especial nos douscentos lucenses que nos atopabamos en Croacia sen máis vínculos ca o telefónico para saber de Lugo.

É a segunda vez que Cacharro sae mencionado nestas miñas cavilacións, pero a fin de contas leva vintetres anos gobernando a vida provincial e, as poucas veces que lle deixaron, a local.

Desde hai case seis meses sábese do Cacharro presidente, pero non do Cacharro político. ¿Sería a visita do Fiscal o golpe de gracia?.

Seis meses é moito tempo para agardar novas sobre asunto tan apaixoante. Cando máis tarde, máis parece que se quere que o tema se esqueza pola flaca memoria colectiva dos lucenses. Sería ben triste que todo quedase en nada. Sería triste polos lucenses, pola política e pola xustiza.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados