
En 1994 parecíame ser xa moi maior, tiña 47 anos. O meu socio en Ophiusa teimaba por crear unha Televisión Local.
A súa pretensión, en verdade fermosa, estivo nun recanto das ideas durante un par de anos, ata que en 1994 penseina en serio, e (como adoito facer as cousas) tocoume, partindo de cero, construír un edificio fermoso que alumeou Lugo durante catro anos, nos que todo o equipo de TVL puxo o mellor de si.
Chegamos a ser case medio cento de persoas empeñadas en que Lugo tivese un medio de comunicación libre, que levase aos lucenses, pola imaxe e o son, o mellor deles mesmos.
Constituímos para esta aventura unha S.A., e sen máis axuda que os nosos propios bens e o noso traballo, afrontamos a creación dunha televisión local. O meu socio encargábase da técnica. Eu, do demais, que quere dicir desde o financiamento ata os traballadores, pasando pola programación, a dirección e a presentación de programas.
A historia de TVL está sin escribir. Mellor dito: Sen publicar. Téñoa escrita, polo menos un resume breve dun cento de páxinas, pero sempre será bo momento de publicala, aínda que só sexa para que os que traballaron nela vexan reflectidos os seus esforzos.
Teño para min que Televisión Lugo foi a iniciativa máis fermosa que teño impulsado. Que foi realidade polo esforzo de dúas familias de traballadores, xunto con numerosos amigos entusiastas que –xogando a facer televisión local- demostraron ser profesionais magníficos, e fixeron historia sen pretendelo, entrando a través das pantallas nos fogares lucenses que, por primeira vez, comprobaban que os lucenses eran os verdadeiros protagonistas da nosa singular aventura.
