EN RADIO POPULAR DE LUGO (1967-1985)
Teño tocado moitos “paus” laborais, profesionais ou afeccionados, na miña vida, pero creo poder afirmar que a miña especial vocación foi a radio, e en Radio Popular de Lugo fun todo o feliz que un ser humano consciente pode ser desempeñando laboralmente o que sempre se considerou un castigo bíblico.
Teño dito por activa e por escrita que “eu fun feliz na radio”, porque desenvolvín unha capacidade expresiva que me converteu, senón en falador profesional, si en comunicador, chegando a expresar con bastante claridade o que quero dicir.
En Radio Popular, durante un par de meses, pasei horas e horas, gravando e borrando, domesticando a miña voz cal un Demóstenes moderno, ata que o especial Director, Benito Vázquez Regueira, fundador da emisora, considerou que a miña voz podía saír polos altofalantes dos milleiros de domicilios que reverenciaban Radio Popular de Lugo naquel inverno de 1967.
Xa que eu tiña traballo de xornada e tarde na administración, fun ben tempo locutor “correturnos” con traballo nocturno. Naquelas xornadas de oito a doce da noite en Radio Popular fíxenme noctámbulo, e noctámbulo entusiasta sigo a ser seis décadas despois pola graza da comunicación verbal.
Nada direi de presentación de discos (dedicados ou non), informativos con comentarios que a min me parecían editoriais, gravación de anuncios, transmisións ou crónicas.
Só farei mención a tres accións que forman parte da miña alma radiofónica, que é a que domina todos os demais lumes que arden no meu interior:
1 - Programa “En Directo”, nas tardes de Radio Popular, no que entrevistei como o seu título proclamaba a un par de centos de persoas, primeiros espadas da vida nacional, ou modestos protagonistas de anacos da vida lucense.
2 - Programa “En galego”, coa especial pericia técnica e musical de Paco Nieto, co que enchín os últimos tempos, case mediados os anos oitenta, falando de temas vitais para a cultura e a sociedade galegas, coa mellor música do país daqueles tempos.
e 3 -e moi especialmente- os programas ESPECIAL 76, 77, 78, con Marcial González Vigo, cos que nos fixemos maiores na Radio, e gañamos máis dunha ducia de Premios Nacionais e Internacionais de Radio e de Televisión por toda España.
Marcial está na gloria, que ben merecida a tivo (“Que buen vasallo sería, si tuviera buen Señor”) xa que foi unha excelente persoa, un grande amigo, e un profesional da radio como non saen máis de media ducia en cada século.
Eu na radio fun feliz, e aínda sacoden refachos de felicidade a miña alma cada vez que escoito gravacións que son como tatuaxes gravadas a lume nas partes máis sensibles da miña conciencia.
