SEIS ANOS NA CASA DO CONCELLO DE LUGO

En 1983 tiña trinta e seis anos, casado, dous fillos… e resulta elixido Alcalde, polo Partido Popular, Vicente Quiroga Rodríguez. Vicente, daquela, era Presidente do Grupo Fonmiñá, e eu vicepresidente.

E convídame a acompañalo, dentro do meu labor de funcionario, na casa do Concello de Lugo, como Secretario particular e encargado dos temas de Cultura. O posto tiña o pomposo nome de Xefe do Staff de Presidencia.

Recibinas de todos os lados: as máis duras, dos meus antigos compañeiros da prensa, por esta incursión nun medio novo. Na actualidade, todo o mundo sabe que os organismos oficiais están inzados de periodistas para informar ou divulgar, para acompañar e aconsellar. Pero eu fun o primeiro. Hai tempo que as feridas deixaron de escocer.

No concello de Lugo -clima continental extremado- aprendín moito, algo ensinei, e non conseguiron amargarme a vida.

Teño a gala ter organizado, en seis anos que alí estiven, máis de mil actos culturais. As festas do San Froilán cambiaron radicalmente cara a cultura e o idioma; o concello implicouse na Cultura…

Dediqueille ao concello de Lugo seis anos da miña vida. Os meus fillos din -medio en broma, medio…- que, cando querían verme, pasaban polo concello.

Dos concelleiros do PSOE -era na práctica comuñón diaria- recibía en público todo tipo de queixas e protestas. En privado, estimaban o traballo. En fin, que no concello de Lugo non fun tan feliz como na radio, pero alí reforzouse o meu instinto de conservación, aprendín a poñer boa cara ao mal tempo, e a ensinar os dentes cando facía falla. Foi un tempo profesionalmente magnífico.

Dirixín Praza Maior, periódico oficial onde todos tiñan o seu lugar, fun xerente do Patronato de Cultura, ata que cansei -botei seis anos dos oito previstos- e voei en liberdade despois de ter ensinado algo e aprendido moito, e aprendido que hai vida despois da política, aínda que o meu vinculo político digamos que era tanxencial.

 

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados