Non mancan fisicamente, pero algunhas administracións teñen perigo laboral. Xa non digamos as macroempresas audiovisuais que dependen das administracións e que cada cambio político nutren os escalafóns con persoas confesionais que seguro son as mellores do momento e logo quedarán alí no seguinte terremoto político porque a flexibilidade da estructura permite todo.

A endogamia familiar ou política como fórmula administrativa é perfectamente válida para a provisión de postos de traballo, por encima do espazo e do tempo.

Pero a Xunta vai adoptar unha nova fórmula, de acordo cos tres sindicatos que en tempos eran correas de transmisións de outros tantos partidos de esquerda, para facer funcionarios ou persoal fixo a mil catrocentas e algo máis persoas, dentro dunha oferta pública de emprego de tres mil prazas, para persoal laboral contratado hai alomenos dez anos e traballadores que se incorporaron sen oposición a través de asistencias técnicas.

Se hai acordo de integración, é que non van facer oposición. Se non fan oposición, que pinta este sistema de acceso?. ¡Que perigosa é a administración cando administra o de todos como se non fose de ninguén, e cando fai distingos entre como se accede a entrar nesa endogamia, que ata funciona absorbendo os corpos “extraños” que lle naceron de xeito non perfectamente legal!.

Porque se fose perfectamente legal, agora non había que facer apaños.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados