Chamabase Pepe Prieto, pero en Lugo todos o coñeciamos como “Pepe do Regio”, que durante varias décadas rexentou un dos cafés máis emblemáticos da capital, mesmo frente á Porta de San Fernando.

Levaba os seus oitenta e tantos cunha alegría xuvenil e unhas ganas de vivir, que contaxiaba a todos os que o coñeciamos e estimábamos.

A última vez que o vin, último sábado de xaneiro, xornada de clausura do Belén de Begonte, parara a tomar un café no San Martín, en Carral, que viña de Vilalba de facer unhas xestións.

Era vilalbés e non deixara de exercer como tal no máis de medio seculo de residencia lucense. E cada vez que coincidiamos demostrábame que coñecía moito máis de Vilalba e dos vilalbeses do que eu saberei nunca.

Coñezo dous dos seus irmáns: Antonio e Domingo. Aínda que os vínculos familiares establecen que Domingo Goás é seu primo, o trato entreles sempre foi de irmáns, e Domingo –sendo aínda ben máis novo- exerceu con Pepe o papel de irmán maior, preocupado pola saúde e a vida, levándoo a Madrid a darse baños de ledicia, de amizade e compañía, que Pepe pagaba cunha devoción sen límites, se é que estas cousas se pagan.

Con Domingo, Pepe recorreu media Europa e boa parte da outra media e fixo dúas ducias de viaxes anuais a Suiza na memoria benquerida da Ausente que tanto quixo a Pepe.

Pepe tiña un aquel de señorío, de sinxelo saber estar, de conquistar ao contertulio. Pepe aprendera a ser e a estar, primeiro na aldea, logo nos longuísimos anos do Regio, e por fin no decurso dunha existencia pausada, atenta, serena, que evidenciaba nunha tranquilidade maxestuosa, nunha mirada limpa, nunha conversa enriquecedora e amena.

Fixemos en ampla familia unha viaxe por Suiza na que, sen pretendelo, Pepe era o centro. Todos buscábamos a Pepe, escoitabamos a Pepe, sorríamos con Pepe. Especialmente as mulleres que atopaban nel unha compaña socarrona, aguda, experimentada, inocente. E Pepe deixábase querer, dicindo aquí unha sentencia, alí unha lembranza, acolá unha picardía... E sempre cun sorriso amplo, con tranquilidade, con paz interior e exterior, con señorío.

Foise Pepe, en silencio, cando aínda non abría o día deste venres de feira en Muras. E o saber que xa non está producíume primeiro un calafrío, logo un sorriso amistoso, e por fin un ánsia irrefrenable de poñer negro sobre branco esta apresurada lembranza de pranto por un amigo na albura insondable do mundo de Internet.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados