Ven de deixarnos José Serafín Pena Souto, empresario e político lucense, membro do Partido Popular, con trinta e tres anos de concelleiro no consistorio de Lugo.
Hai algo máis de seis anos os vecinos de San Lourenzo de Recimil rendían homenaxe ao que chamaban un dos [FOTO1]nosos, non só pola súa pertenza a coñecida familia da parroquia senón por ter vivido nela desde os catro anos, e por devoción á súa persoa.
Serafín Pena Souto, coñecido empresario, impartiu clases particulares, traballou na Xefatura provincial de Gandeiría, instalou mesas de futbolín en establecementos de hostelería, e creou o primeiro salón de máquinas recreativas do norte de España, no Campo Castelo, e logo en Bispo Aguirre El Recreo- promoveu negocios de decoración, unha floristería, foi empresario taurino, incidiu na construcción, e por fin na hostelería con Los Tilos, a cafetería San Marcos, ou a Casa Grande de Nadela.
Antes da aparición dos partidos, participou nas eleccións polo tercio familiar, e xa en Alianza Popular e logo no Partido Popular, foi concelleiro en Lugo desde 1974 a 2007, sendo membro da primeira corporcaión democrática, e o concelleiro que máis tempo estivo en activo no concello de Lugo. Membro do Parlamento de Galicia durante dúas lexislaturas, o seu papel máis importante foi o de concelleiro en Lugo, con especial dedicación á zona rural onde tivo moi destacada influencia. Nunca o Partido Popular tivo tanta incidencia no rural lucense como nos tempos de Pena Souto, ao que mesmo os seus contricantes políticos o coñecían como O suave, polos seu ser e estar, por non levantar nunca a voz, por falar pausadamente, por falar con todos e de todo, e porque case sempre conseguía o que se propoñía a prol do rural lucense.
Durante o seu tempo no concello, conviviu con oito alcaldes, nomeou pedáneos, xestionou cesión de terreos, promoveu obras, abriu camiños, mellorou electrificacións era o home do campo lugués. Coa súa morte desaparece un dos máis dialogantes, e un dos máis constantes que houbo no concello de Lugo, e del quédanos a memoria dun home incansable que coñecía, entendía e quería ao agro lucense.