Como despois do inverno chegará a primavera e o verán, fai ben o concello de Vilalba en pensar na praia fluvial da Madalena, na que vai investir 238.000 euros -case corenta millóns das antigas pesetas- para recuperar e rehabilitar o bar da praia e dotalo de restaurante.
Parece ser que o concello contaba cunha subvención da Axencia Galega de desenvolvemento rural -Agader- que depende da Consellería de Agricultura, para facer estas obras pero non lle foi concedida por ser para un bar.
A verdade é que un tema como este non parece moi lóxico cargarllo á Consellería de Agricultura ou a esta Axencia dedicada a temas rurais en xeral, porque un bar parece difícilmente clasificable nestas materias, pero estamos moi afeitos a ver como as barreiras administrativas son permeables, perfectamente osmóticas, e permiten encaixes administrativos pintorescos por aquelo de que a promoción económica e social corresponde a calquera departamento, e todas as accións inciden nun mellor nivel de servizos ou atencións.
No caso que nos ocupa, e tendo en conta os milleiros de persoas que no verán acoden á praia fluvial vilalbesa, calquera departamento da Xunta podería financiar esta obra, especialmente a Dirección Xeral de Turismo que depende da Consellería de Innovación e Industria, ou a Consellería de Medio Ambiente por incidir nunha instalación en plena natureza, mesmo a Vicepresidencia pois aínda pode vir Quintana bailar cos bañistas en calquera festa popular, a Dirección Xeral de Comercio por tratarse dunha instalación dedicada á venda de productos de consumo, a Consellería de Sanidade por conseguir elevar o nivel hixiénico dos productos que se sirvan, e así ata o infinito.
Pero ben está que o concello, ó saírlle mal o de Agader, decida facer pola súa conta a obra sen ter que renderlle contas a ninguén, que os vilalbeses seguro saberemos apreciar este esforzo en mellorar os servizos na nosa primeira área recreativa.
Instalacións así está ben que funcionen, pero non somente durante a tempada de verán senón todo o ano de xeito que poidan prestar atención a todas as persoas que acudan en calquera momento. E nestes tempos de lecer itinerante, saber que no lugar existe atención gastronómica e refrescante en calquera momento fará que as excursións mesmo no inverno que se fan á beira do río teñan unha atención garantida, e os usuarios destas instalacións un amplo espazo natural no contorno para o paseo en todo tempo.
En fin, que ben está que o concello se molle neste tema, e se algo se consegue a posteriori benvido sexa, aínda que fose da Consellería de Educación por aquello de que por alí andan moitos nenos.