Desde 2004, ano da sua morte, cada oito de setembro, en Outeiro de Rei hónrase a Manuel María, patriarca da Terra Chá, protagonista do único caso do mundo no que unha obra poética provoca o recoñecemento xeral dun país, antes dela intuído pero sen existencia real. Máis aínda: En terras de Cospeito e Castro de Rei había a chamada Tierra Llana que o Instituto Nacional de Colonización repoboou con labregos da zona de Ernes, en Navia de Suarna, que quedaron aillados pola construcción dun embalse.
Pero O Manuel, así chamado polos chairegos, publicou en 1954 Terra Chá, que moitos consideramos a Biblia desta especial comarca, que creou o clima preciso para que esta terra acadase presenza material e legal, e o que antes era a meseta central de Lugo hoxe é coñecida por todos como a Terra Chá.
O coroavirus non puido coa celebración anual ao Manuel, aínda que si a reduciu, e aínda que non se fixo expreso chamamento para o acto, diante da tumba do poeta xuntámonos ducia e media de amigos con flores, palabras e canción, xa que un acto de honra a Manuel María ten que rematar co Himno Galego.
E se un día coma este a Irmandade Manuel María da Terra Cha e Xermolos entregan a Navalla do Manuel para honrar a un chairego destacado, o pasado día 8 recibiuna Alfonso Blanco, no nome da propia Irmandade, promotor de innumerables actividades culturais, que recibiu do escultor Valdi cunha peza que levaba incrustada unha navalla, tan querida do Manuel, e por iso utilizada no seu nombre para homenaxear a quen honra á Terra Chá.
Non se leron poemas diante da sepultura, nin nas Penas de Rodas houbo o tradicional recital, porque a situación sanitaria en Outeiro e en Galicia non aconsella concurrencias numerosas, nin tampouco se foi á Santa Isabel á comunión civil e colectiva de pan, viño e música do país. Só palabras no cemiterio para lembrar ao que o 2016 se honro una festa das Letras Galegas, alterando fugazmente o silencio do cemiterio vello de Outeiro de Rei.
O Covid manda silencio, tapando as nosas bocas con mascariña protectora. Pero por riba de todo, dixo Blas de Otero, poderemos ter dorida a voz, pero quédanos a palabra. Pois esta, de novo, sonou en Outeiro de Rei, en memoria do fillo da Señora Pastora da Casa de Hortas, sempre noso, Manuel María.