Días pasados, morreu en Begonte ós 64 anos, José Antonio Abelleira, un dos do Belén, no que durante moitos anos se encargou da parte electrica, electrónica, esa que constitúe a parte esencial, vital, animadora das figuras do Belén begontino.
Os moitos anos que leva funcionando o Belén Electrónico, van facendo que varios amigos do Belén se vaian incorporando ó grupo que no alén está agardando por nós, despois de formar aquí na terra parte dun equipo entrañable que foi quen de conseguir que Begonte pasase a ser a capital do Nadal en Galicia, e lograse o complemento directo para o seu nome ó ser chamado para mellor identificalo como Begonte do Belén.
O decurso dos anos fixo que, desde aquel 1972, fosen deixándonos persoeiros amigos que no seu momento foron nomeados Socios de honra do Belén, e moitos tamén dos que foron pregoeiros do Nadal begontino, que sen dúbida formarán xuntanza etérea con José Domínguez Guizán, o fundador, con José Rodríguez Varela, o artífice do Belén, e con Teté Cruz , aquela rapaza da que nos privou un malfadado accidente de tráfico hai xa tanto tempo.
Con José Antonio Abelleira váisenos un máis dos primeiros, do núcleo compacto e forte que foi quen de alumear en Begonte un Nadal diferente tomando como referencia aquel lugar e aquel tempo no que Deus se fixo home e habitou entre nós. Tan ben lograron aquel singular propósito que, case corenta anos despois, o Belén Electrónico de begonte é unha referenia imprescindible do Nadal en Galicia e punto esencial de atención na Terra Chá cando o inverno comeza.
José Antonio Abelleira era un home calado, silencioso, tranquilo, que interviña no Belén como o máis natural do mundo, como se o traballo non tivese importancia, como se estivese ó alcance de todo o mundo, como se aquelo case se fixese sólo. Chamabámoslle o alemán, desde sempre, por querencia xeográfica, xa que moito tempo atrás traballara como tantos outros na lonxana e mítica Alemania. Pero moi axiña veu para Begonte, asentou moi preto do Belén, alí fundou unha familia, e alí nos deixou hai uns días, como con urxencia para acudir á casa do Pai.
No nome das xentes do Belén, no nome de todos os que o coñecemos, despedimos cunha aperta póstuma a José Antonio Abelleira o Alemán, veciño e amigo, gracias ó que tamén o Belén é tan grande, tan importante, tan representativo dun pobo e das súas xentes.
Adeus, José Antonio. Ata sempre. Que a paz que xerache nesta vida te acompañe na gran vida da que xa disfrutas xunto con todos os demais amigos do Belén que xa gozan da contemplación directa do Señor.