Ven de presentarse en Lugo un libro sobre o escritor Fiz Vergara Vilariño, que vai ser de obrigada lectura para todos os que queiran saber quen foi este autor ao que estivo a punto de dedicárselle o Dia das Letras Galegas deste ano, quedando ao final en segundo lugar despois do chairego Xosé María Díaz Castro.

[FOTO1]Pero ¿quen foi Jesús José María Felix Vergara Vilariño?. Foi un mozo que naceu en Santalla de Lóuzara en Samos o ano 1952, e morreu en 1997 con tan só 45 anos. Cando morreu, o colexio de Lóuzara chamábase Fiz Vergara, e despois creouse un premio co seu nome e un roteiro polos lugares da súa vida.

Se intelectual e poéticamente era un dos máis destacados creadores literarios da Galicia do seu tempo, físicamente sufríu unha enfermidade dexenerativa que o imposibilitaba ata para ler en voz alta os seus versos, pero iso non era obstáculo para que a súa obra chegase a todos os puntos deste país, desde aquel “fondal de Galicia, bretemoso e labrusco” que cantou Ramón Cabanillas.

Na presentación lucense interviñeron Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega, que foi – na súa época de catedrático de Literatura no Instituto Masculino de Lugo- quen descubríu este magnífico poeta, apoiouno e potenciouno nun labor de impulsión –como con outros importantes escritores lucenses- dun alumno que podía ser un gran escritor. E con el, Paco Martín, escritor e amigo; Alfonso Blanco Torrado, presidente de Xermolos e Irmandade Manuel María, que edita este traballo, e o autor, Yago Rodríguez Yánez.

Yago Rodríguez, lucense de 33 anos, profesor e escritor, doutor en literatura, é un concienzudo investigador que ten publicados libros sobre Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, John Keats ou Emilia Pardo Bazán, e agora entra na vida e na obra poética de Fiz Vergara Vilariño cun volume de 980 páxinas, que fará historia literaria.

Cando van cumprirse 17 anos da súa morte, Fiz merecía un libro coma este e Yago Rodríguez Yánez encargouse de facer xustiza.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados