Xa está ben de falar de tonterías. Falemos de cousas serias, das que preocupan ós lucenses, das que afectan á nosa tranquilidade, e poden alterar a nosa vida.

Téñenme atemorizado os moteiros, sexan repartidores duns recambios do Ceao ou dunha pizzería da Praza do Rei.

Eu, conductor normaliño, vinme hai un par de semanas adiantado (pola esquerda) por un destes kamicaces, en tanto era rebasado (pola dereita) por outro. Recomendable para os amantes das emocións fortes.

Teño unha moto tódolos días atravesada na beirarrúa diante da miña casa, estremézome nas rúas peatonais cando me pasan rozando... O xoves pasado no imposible pasadizo que desde a Subdelegación do Goberno vai á Praza do Campo un metalizado cabaleiro acelerou ó pasar á beira da preñez dunha embarazada terminal... Xuro diante Breogán que todo o que digo é verdade.

Alguén ten a máis mínima vontade de que Lugo non sexa unha cidade sen Lei para as pequenas motos (pola cilindrada) e pequenos conductores (pola idade)?. ¡Que se vexa!.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados