O mércores celebrouse o Enterro da Sardiña con toda a súa carga de crítica ó poder, concluíndo que –hoxe coma onte- a casa do Concello segue a ser a casa “de tócame Roque”.

Criticouse ó PSOE gobernante, ó BNG ex gobernante e ó PP opositor, co que todo discorría polas canles previstas da aparente desmesura, da iconoclastia, do atrevemento fronte ó poder, mesmo desde o punto de vista físico, xa que carpas e escenario están postos alí polo concello.

O estribillo que cantaba o público, arengado desde o palco, figuraba nunha folliña na que alguén escribiu: “O LEMA DO CONCELLO /”LUGO PATAS ARRIBA” / PRA QUE TODOS DIGAMOS / “DON OROZCO, SIGA, SIGA...”

Todo normal. Eu recibín unha destas follas, que conservo. E nelas non hai nada estraño. Estraño era o reparto. Recibina dunha persoa uniformada que amosaba no peito o rótulo de “Concello de Lugo. Protección civil”.

Se era un disfrace, moi ben conseguido. Prefiro crelo así. Porque sería moi grave que o concello se implicara deste xeito convertendo unha festa do Antroido nun acto electoral con utilización de medios e persoal público.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados