Declarar “persoa non grata” a alguén por parte dunha institución paréceme algo moi serio, que debe estar reservado ao que manifestamente se comporta de xeito agresivo, innoble e inxusto contra unha poboación ou esa mesma institución. É unha declaración de último recurso diante dunha situación extrema.

Declarar “persoa non grata” a un político elexido polos votos da nosa xente non parece ser medida ou proposta xusta, porque se como dicía Ortega cada persoa e ela mesma e a súa circunstancia, un político elixido non é só unha persoa: é unha persoa máis a súa representación; ten un papel de representatividade e a súa postura ten un tanto de persoal pero moito máis de persoa pública, pertencente a un grupo político, cunha determinada ideoloxía.

E un representante do pobo está investido dun carácter especial, que ten que ser apreciado por todos pero especialmente polos demais políticos xa que o papel de representante non é tanxible senón que forma parte da estrutura política e social coa que nos dotamos para organizar a nosa convivencia.

Pretender declarar persoas non gratas a García Díez, Olga Iglesias e Jaime de Olano, deputados por Lugo no Congreso polo Partido Popular non parece ter sentido xa que en todo caso – ao ser máis ca persoas, representantes políticos- habería que declaralos “políticos non gratos”, pero eso podería resultar demasiado forte porque equivalería a intentar proscribir un xeito de pensar e proceder, e de paso a todos os que pertencen a esa corrente de opinión, e a todos os que simpatizan con ela.

No concello de Lugo non prosperou esta iniciativa, o que é un bo sinal de comportamento político democrático, xa que eses tres políticos mencionados – Garcia Diez, ex alcalde; Olga Iglesias e Jaime de Olano- non lle teñen feito a Lugo nin ao seu concello unha ación agresiva, innoble e inxusta.

Do que se acusa a estes tres políticos é de ter votado no Congreso, coma todos os da súa cor política, de xeito determinado en relación coas preferentes, o seu canxe por accións e as quitas que han sufrir. Como se os deputados no Congreso tivesen liberdade de manobra de votar de xeito diferente do que os seus partidos ordenan.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados