Días pasados, unha avaría no posto de control de Ourense que regula o tráfico ferroviario de Galicia, fixo parar catorce trens durante hora e media, ó non poder ser seguidos desde as pantallas de tele mando.
O feito lembroume aquela viaxe en tren que organizamos durante a miña estadía no concello de Lugo, para levar centos de nenos a Monforte na súa primeira viaxe en ferrocarril, na que os nenos o pasaron de marabilla e para os organizadores supuxo unha proba de infarto.
Nada pasou na viaxe de ida, e en Monforte puidemos ver as magníficas pantallas desde as que se controlaba a circulación no territorio lucense. Pero á volta, nun túnel, o tren parou. Non ía a máquina. Non sabíamos se alguén nos controlaba, se podía ou non chegar outro tren. Os nenos organizaron a súa particular festa co resto das lambetadas e agasallos que quedaban nos vagóns, e algúns dos organizadores e condutores botámonos á vía para desde fóra do túnel facer as xestións oportunas.
Un móbil houbera solucionado o problema. Non era aínda tempo deso. Por fin, chegou unha máquina que nos remolcou. O retraso fixo que os pais, na estación de Lugo, se intranquilizasen e nin a ledicia dos pequenos viaxeiros pola experiencia gozada rebaixou o nivel das críticas paternas.
Case un cuarto de século despois, o control dos trens segue podendo fallar. Pola causa que sexa, paran os trens. Non pasa nada, mentres non pasa nada.