Miña nai contábame a historia dun paxaro que criou sendo nena na súa casa do Freixo, á sombra do Monte Caxado. Era un merlo, pero podía ter sido un corvo.
Atopou o merlo nun niño caído, cheo de frío, mollado, sen forza para voar. E levouno para a casa.
E todos a coidar nel: Miña nai, meus tíos, meu avó Miña avóa, non. Ela non se fiaba do merlo, e deixaba moi claro o seu parecer sobre aquel becho na casa.
O merlo medrou Engordou e cambiou de voz. Graznaba cun aquel de fachenda, de seguridade, de provocación. Seguía pousándose nos ombreiros da que moito despois sería miña nai, e meus tíos comenzaron a estar fartos do paxaro.
E chegoulle ó corvo-merlo a hora de emigrar. Unha mañán, co sol moi alto, cando o animal rematou de comer da man da súa dona, vendo o resplandor exterior, deu o derradeiro graznido, e deixando na man aínda tendida unha fenomenal cagada voou á liberdade.
Todo o mundo -ata os merlos/corvos- ten dereito á liberdade. Pero non se debe cagar na man de quen te criou, te fixo maior e che deu de comer. Aínda que a man pretenda terte amarrado.
Hai días lembrei a historia que miña nai me contaba, cando se decretou a retirada política de Francisco Cacharro en votación na que participaban algúns fillos políticos del.
Posiblemente Cacharro debeu ter criado outro tipo de paxaros.