Ven de autorizarse a constitución da Fundación Cetal –Centro Tecnolóxico Alimentario de Lugo- que terá ámbito nacional, e no concello contentísimos. Cabe supoñer que tamén os lucenses debemos estalo.

No Patronato, a Ministra de Agricultura, catro conselleiros, o Alcalde, catro patróns que nomea a Ministra, máis cadanseu membro das industrias agroalimentarias, cooperativas, universidades e entidades financeiras.

O Concello poñerá o solar nas Gándaras ou en Sanfiz (hai que botar unha man ós propietarios de Sanfiz), e o resto estará a cargo das administracións que, según a teoría oficial, van facer algo moi importante.

O Alcalde confesa que o Cetal é obra do seu correlixionario e discípulo José Blanco, que por fin verá –se o ve– froitificar en Lugo un seu proxecto.

En fin, que xa sabemos o nome e os pais da criatura. Case sabemos onde vai vivir. Non sabemos a que se vai dedicar, pero sí que vai ser grande (en obxectivos e ámbitos) e blanco (por aquelo de que as grandes edificacións case sempre levan cal por fóra). Do resto xa falaremos, que queda moito que vender (informar) antes de ir votar.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados