A Igrexa recoñece os matrimonios católicos, por entender que o amor que une a unha parella sintoniza co que Deus quere para o mundo. Sen embargo non recoñece e non bendí as unións "irregulares" e as de persoas do mesmo sexo.

Casei con Merce pola Igrexa hai medio século, e a fórmula aínda era "ata que a morte vos separe", recordada por Xesús Mato que traduciu ao galego os textos só existentes en latín e castelán. Sendo nós os dous conscientes do vínculo, e da tranquilidade que da un recoñecemento superior -no noso caso, pola Igrexa e polo Xulgado- tamén coidamos que ten que haber por parte da Igrexa un chisco ou benzón para dúas persoas que se queren, que porque rectifican ou abren camiños queren recibir o seu saudo.

Este Papa arxentino ao que se lle entende todo, abrindo portas que coido deben estar abertas, ven de autorizar que a Igrexa bendiga a estas parellas diferentes, sen que isto se confunda co rito matrimonial.

Sempre se nos dixo que o matrimonio é obra dos contraíntes, sendo o oficiante testemuña por parte da Comunidade. Se as testemuñas dan fe do que contemplan, non hai que escandalizarse por unha benzón – nalgúns concellos casan parellas de cans – que toda persoa que queira a alguén seguro que merece.

Se o Papa, superando as reticencias da curia vaticana, di que o sacerdote pode unirse á oración de persoas que se queren e encomendalos a Deus, iso "vai á misa", e terá que meter en cintura aos relixiosos que publicamente o acusan de blasfemia.

Se o Papa e os que o representan pide que "vos bendiga Deus", benditos sexan todos os que aman de boa fe.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados