Lugo leva máis dunha década buscando un Auditorio. E usando en tanto o auditorio de hai un cuarto de século, conseguido por Vicente Quiroga, en base a unha estructura dunha granxa de polos.
Este podería ser o resume dunha odisea da cidade de Lugo por ter un Auditorio de verdade, que fose o lugar onde institucións e asociacións puidesen sentirse na casa, ofrecendo ao público lucense as súas creacións ou organizacións.
Moitas gaitas tivo que templar Vicente Quiroga a finais dos oitenta para mercar as catorce hectáreas de Frigsa por unha cifra que coido estaba nos sesenta millóns de pesetas; menos de catrocentos mil euros.
Como no lote viñan incluídas as estructuras existentes, unha delas matadeiro de polos- habilitouse para Auditorio, con mil localidades, escenario amplísimo, foxo para orquesta e camerinos de acordo coas posibilidades e o momento.
Desde entón, a política fixo das súas e non permitiu que tivesemos un Auditorio, nin aproveitando a estructura do Gran Teatro que se sustituiu por un edificio de vivendas- nin no Cuartel de San Fernándo, elixindo un lugar do lonxano Fingoi para o desexado, largamente fiado, futuro Auditorio lucense.
Deste vello auditorio tense criticado a lonxanía, a calefacción, a incomodidade das butacas... todo se foi solucionando menos a presunta lonxanía, que non vai ser maior que a da futura instalación á que teremos que ir en coche todos os que non vivamos no Lugo novo onde se asentou a Universidade.
Se o refrán de máis vale paxaro en man que cento voando o acomodamos á realidade da nosa primeira instalación cultural, eu quédome co xa vello auditorio, non só porque neste momento é o único do que podemos dispoñer senón e de xeito especial- porque no último cuarto de século acolleu centos de acontecementos culturais que nos marcaron aos lucenses co ferro da cultura e da paixón.
Non hai moito tempo, nun acto celebrado no magnífico Auditorio Carmen Estévez de Vilalba leva o nome da muller de Manuel Fraga, loitadora pola súa consecución- un amigo, pretendendo provocarme, díxome... Mira, Xulio, que Auditorio teñen en Vilalba, e vós en Lugo non sodes capaces de conseguir nada que se lle pareza.
O amigo tiña razón no accesorio, pero afectoume ó principal, e tiven que dicirlle que eu primeiro de todo son vilalbés, e nos arredores do auditorio de Vilalba eu xogaba de pequeño, e no cine Parroquial ao que sustituíu vin Molokai, a película da historia do Padre Damián, que foi a primeira que vin na miña vida.
Pensando en Lugo, xa me tarda poder presumir e utilizar- do novo Auditorio, aínda que só sexa por non ter que refuxiarme no meu vilalbesismo para non avermellar de vergoña.