Vinte anos non son nada se fixésemos caso ó famoso tango, pero todos os que os vivimos unha ou varias veces sabemos a enormidade de tempo que supón se se adica ó traballo, malia ó rapidísimo que pasa. Vinte anos non son nada, só un suspiro, se só temos en conta a velocidade con que o tempo se vai e nos deixa, e seguro que estes vinte anos pasaron como un suspiro para moita xente.
Vinte anos, vistos en función de AMENCER, son un tempo amplo e profundo, froitoso como poucos, no que viron a luz 177 números (este é o 178), que son en conxunto (ver portada do 177) Semente de esperanza.
Cada mes en Mondoñedo amence unha publicación fermosa e nova, que abre as portas do seminario Santa Catalina ó exterior e tamén permite que os aires dese mundo exterior penetren a través dos grosos muros que viron pasar tanta cultura e tanta vida.
Que un colectivo de rapaces teña voz é o mellor xeito de facer que os rapaces do Seminario mindoniense se preparen para o mundo que os agarda.
Amencer é unha frescura, unha ollada, unha incursión... Unha incursión no mundo do xornalismo. Unha ollada ó mundo de arredor para mellor informar ós habitantes daquel cosmos educativo e relixioso... Unha frescura porque saben mirar serenamente e analisar con claridade, con ollos e mente novos, o que ocorre no contorno.
Cada mes amence en Mondoñedo, e ese amencer chega á miña casa e a centos de casas ou institucións. E van vinte anos. Moito tempo. Vinte anos son moito tempo.
Amigos de Amencer, ¡que sexa por outros vinte anos! (E logo xa pediremos). Unha fortisima aperta.