Nestes tempos caóticos, pode chegar a pasar que dúas concelleiras da Milagrosa sexan expulsadas dun acto na Milagrosa. Non é que a parroquia onde vivo teña concelleiras propias, senón que todos os membros do concello de Lugo representan á Milagrosa, e todos eles- do goberno ou da oposición - represéntannos a todos os milagrosistas.

Por iso, eu teño que pedirlles disculpas como milagrosista a estas dúas autoridades pola miña parte alícuota de falta de respecto institucional. E de sentidiño.

Aplico a teoría que me explicou o alcalde Orozco hai un cuarto de século cando me queixei da agresión dun destacado socialista a unha xornalista compañeira, dicíndome que a el só lle afectaba a parte alícuota de militante de partido. Tomo nota das leccións, aínda que tarde en aplicalas, e pido disculpas e sinto vergoña polo sucedido, sexan cal sexa as súas ideas, miñas señoras, porque un representante público, por principio, é unha autoridade, e representa – alicuotamente, supoño – á institución á que pertence.

Certo que os membros do seu partido adoitan estar en todo, como xa en tempos facía Quique Rozas, pero eu creo que é dereito e deber dun concelleiro estar onde hai xente para ver e ser visto; onde se celebra algo, para compartir; e onde se di algo para escoitar e tomar nota.

Nunca pensei que na afable Milagrosa que nos acolleu por milleiros (Darío dixit) aos que viñamos "do val ou do alto monte" a habitar "os arrabaldos novos" da cidade, puidese pasar algo así. Pídolles disculas, señoras, polo anaco da Milagrosa que me corresponde, e só se me ocorre nusitar o que de pequeno escoitaba aos sabios vilalbeses: "O que non sabe, é como o que non ve".

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados