Para os de terra adentro, a Mariña é territorio especial, de ostensible fervenza industrial e comercial e unha ledicia festeira na que ata as voces dos coros teñen harmónicos de mar.
[FOTO1]Fun o sábado a Foz, presentar dous libros de historia que honran a súa rica bibliografía do mar: "Unha historia do mar de Foz", de Xoán Ramón Fernández Pacios, Cronista oficial e "Embarcacións do mar de Foz", do estudoso Antón Niñe Fernández. Son parte esencial do proxecto "A pegada da pesca: cultura e memoria mariñeira de Foz" do Concello de Foz e o Galp A Mariña-Ortegal para que a historia do mar de Foz permaneza viva no futuro.
O mar, elemento esencial na vida focega durante séculos, segue a ser presenza e vida, para a pesca ou o turismo, a industria ou o transporte, e precísase poñer de manifesto o papel histórico dos homes e das mulleres! na loita co seu mar nos tempos nos que era destino inevitable para mariñeiros ou armadores, conserveitos ou redeiras; todos respirando mar, vivindo mar.
[FOTO2]Un acto cultural en Foz ten garantía, mesmo nas festas, de encher aforo con participantes conscientes, interesados, por saber máis de si mesmos. Tamén este encheu a histórica Sala Bahía. Eu, que entrei en Foz da man de Suso do Bahía e Luís Cordeiro, vou a Foz por amizade que me obriga, neste meu tempo outonal que me fai valorar de xeito especial as amizades.
O meu lonxano latín non me permite darlle a volta ao "do ut des" - "douche para que me deas" porque debo dicir precisamente o contrario: douvos porque me déstedes, amigos; xente xenerosa sempre disposta a axudar. Chámame irresistiblemente o mar, e as xentes, de Foz.