Somos peripatéticos os que camiñamos porque seica Aristóteles paseaba mentras ensinaba. Eu son da xente que camiña [FOTO1]por obriga ou devoción, e porque proclamaba Machado que "se fai camiño ao andar". E amo tres camiños, que aconsello a quen queira rutas diferentes, ao alcance de xente con máis de cinco sentidos.
Un en Begonte, en construción, o Camiño ao Belén pasando por todas as parroquias, marcado por esculturas de César Lorenzana que levan ao camiñante cara ao Belén. Hai cinco; faltan catorce. Outro, o Paseo dos Soños, á beira do río, en Vilalba, onde os Coira teñen monolito para evidenciar o seu posto de relevancia na cultura de Galicia.
E o terceiro en Lugo, Parque da Milagrosa, Paseo do Cine onde dende o sábado hai unha placa na honra dos Coira do cine, revolucionarios, cineastas senlleiros, aos que a placa proclama inmorrentes, grandes, sinxelos, impresdindibles, aínda que eles non sexan [FOTO2]conscientes da súa grandeza social. Dicía Pepe Coira que homenaxealos por algo co que disfrutan, soáballe raro. Que se aínda lles costase moito traballo e sacrificios podería entenderse, pero co que disfrutan co cine extráñalles recibir homenaxes.
Os Coira son catro de ciencias e tres de letras; deles, dous do cine, Pepe e Jorge. Ao ser setembro, en Lugo, o mes do cine dende hai corenta e catro anos, a cidade mirou para os Coira, disfrutou e enriqueceuse con eles, e díxollelo moi claro. Para que digan que Lugo é frío!. Quéntase cos temas e a xente que merece calor. E os Coira recibiron o agarimo caloroso que merecen os que están no Olimpo pero saben beber -Machado dixit- o viño das tabernas. E vir a Lugo na súa Semana de cine, da que confesan ter bebido, e especialmente vivido. Longa vida, Coiras de cine!.