Rézoche a ti, Xesús crucificado,
e ao teu Pai e teu Deus que non simula
que a empresa de acollerte e de querernos
é costenta e ás veces nos engruña.
Velaquí un crego que reza en verso, utilizando esa especial canle que sóa ou en [FOTO1]compañía da música, se considera perfecto xeito de achegarnos ao Ser Supremo.
Porque hai magníficos poetas que escriben poesía relixiosa desde fóra do mundo eclesiástico, con fermosos -emocionantes- resultados, pero neste caso concítase o exercizo do sacerdocio coa escrita dunha poesía diáfana, unha poesía para pensar, unha poesía para rezar que xorde da fe e do estro poético de Xosé Antón Miguelez, na actualidade párroco de Vilanova de Lourenzá.
Preséntasenos este libro co subtítulo de "Credo e camiño", e "en hendecasílabos levemente rimados, malia a dificultade da rima sostida de cabo a rabo", é unha permanente declaración de amor que comeza:
Adórote Xesús, iso quixera,
niso quero crecer sen impostura,
seguirte máis de preto aínda que manque
amarte é o meu soño e aventura.
A editorial suscribe que esta Oda "é un tesouro de espiritualidade, moi madurada e personalizada, resultando un aporte valioso e novidoso na literatura teolóxica galega, pero aínda, incluso, na literatura galega en xeral que se enriquece con esta creación sen precedentes".
A ti me arrimo porque quero amigos
que non me fallen nin tampouco suplan,
que non me adulen e que si me adestren
para poder chegar ao non plus ultra.
O libro está composto por trescentos grupos de catro versos con outras tantas referencias bíblicas nas que os versos se basean, respirando todos eles fe, paz, ledicia de vivir, esperanza e coñecemento. Quizais a ledicia é o elemento primordial que asoma en todos os versos:
Adórote e moi ledo te celebro,
Xesús de Nazareth que con bravura,
mansísimo dobregas a soberbia
e ofrécesnos de Deus paz e dozura.
Explica Xesús Portas Ferro no seu prólogo que o hendecasílabo "é, dos versos, o máis digno e difícil da poesía culta dende o século XVI para acá", sinalando que "se as estrofas fosen cuartetos ou serventesios -estrofas de catro hendecasílabos con dúas rimas consonantes en cada unha delas- a escolla podería resusltar máis arriscada. Ou non; nada ou ninguen lle impediría usar rimas diferentes en cada estrofa" pero o autor, "buscando se cadra un pouco alarde e moita unidade e coherencia textual, opta desde o comezo por manter unha única rima en "úa" coma en "largura", "fartura", "dúbida", "ningunha", concluíndo que "600 palabras en "úa" sen incorrer en ripio supón un grande alarde, e o autor, aínda por riba, evitou case sen excepción repetir a mesma palabra en rima. Non me cabe dúbida ningunha: desde o punto de vista formal achámonos ante un poema lìrico maior".
Adórote por verte Deus concreto
carne humana e divina toda unha,
o teu paso de ben deixou raíces
que a toda historia humana da fondura.
O prologuista danos pistas de a quen, de nós, está destinado o libro: "ás persoas crentes de certa formación que len con interese poesía de tema relixioso ou literatura teolóxica", pero o autor "non fala co destinatario, non o invoca ou apostrofa, non o exhorta nin lle pide nada. Na oda a Deus vaise expresando o que Deus significa para o suxeito, referíndose a el -ou a Ela-, isto é, a unha terceira persoa da que se fala."
Bendígote Xesús pan substancial,
maná que esvae cando se acumula,
pan da santa suor polo alimento,
panciño e don do ceo en desmesura.
[FOTO2]Xosé Antón Miguélez Díaz, nado en Lugo da colleita de 1946, é un crego afable, todo sorriso, servicial, ilustrado, ao que coñecín en actos culturais e sociais nos seus tempos de crego en terras de Abadín. Servíu logo parroquias en As Somozas e Ferrol... reencontrándonos físicamente de novo en Vilanova de Lourenzá onde me abríu as portas da monumental igrexa que foi abacial e agora parroquial, volvendo dunha rápida viaxe para chegar e abrirme as portas daquela gran casa de obrigada visita para quen queira repasar a nosa historia relixiosa e pararse a meditar diante da tumba do Bispo Santo ou no monumental Relicario que as catedrais envexan.
Graciñas, Xesucristo, que transformas
vidas moi mouras coa túa brancura
coa túa humanidade, clara luz,
a escuridade para sempre anulas.
Non esquece, membro activo da Igrexa, o papel desta entidade imperfecta e imprescindible, á hora de rezar a Xesús Cristo:
Bendigo a Igrexa santa e pecadora,
bendigo o pobo de María pulcra,
pido perdón por ser cativo fillo,
desa nai que se entrega e tamén murcha.
No libro proclámase que esta obra é un "pregón admirado, agradecido, orixinal, suxestivo, ás veces moi intenso, que ao autor enche de gozo e quere compartir con quen busque o agarimo de Deus, o seu descanso e a súa forza curadora". Os catro últimos versos do libro son un perfecto punto final.
A Deus grandiosa toda a gloria sexa,
humilde Don que en ti tanto relumbra,
benditos para sempre Pai e Fillo
co Alento santo que en amor nos xunta.
Este poemario do Pai Miguélez é confortante, saudable, fermoso, útil, alegre, garimoso, fundamental. Pode usarse como devocionario, como curiosidade poética, como libro de cabeceira, como lectura recomendada nos colexios. Debe utilizarse, cada quen segundo o seu sentir e coñocer. Para disfrutar. E para pensar. Noraboa, crego poeta e amigo por alumearnos o camiño.
Oda a Xesús Cristo, de Xosé Antón Miguélez, está editado pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (Sept), e distribuido por Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)