
Cando entrei no Concello, deixei a Radio. Durante un tempo, seguín facendo un programa (“En galego”) un par de veces por semana. O Concello proporcionábame traballo abondo, entre o propio do meu posto, e o que eu iniciaba pola miña conta, como para non permitirme máis accións profesionais, xa que as miñas xornadas comezaban ás nove da mañá e, coa pausa para xantar, podían rematar nos mellores días arredor das oito da tarde.
O que ocorreu foi que a radio, así en xeral, seguía chamando por min, e cando se creou a Radio Galega, e nomearon como primeiro director a Xosé Luis Blanco Campaña, profesional de Camariñas con longa carreira desenvolvida en Cataluña, amigo meu por selo tamén do escritor de Paradela Manuel Rodríguez López, ao convidarme a participar, non puiden resistirme, e indo desde Lugo fíxenme cargo dun programa semanal en directo, os sábados, de catro horas de duración, co que comprobei que podía simulteanear ambas actividades profesionais. Os días, querendo facer cousas, dan moito de si.
Despois daquel tempo na Radio Galega, o da produtora de vídeo veu rodado. A última serie de programas na Radio Galega foi por todo Galicia, con programas en directo, no que os grupos musicais actuaban en palcos montados ao efecto, e entrevistaba a persoas destacadas en cada localidade.
Esta serie de programas foi gravado por Carlos Rodríguez, de Videolugo, gravacións que conservamos e foron o xermolo dunha produtora (OPHIUSA) que naceu en 1986, e andando o tempo tamén foi editorial.
Por pura vocación, e pola miña, digamos, especialidade ou querenza, a produtora dedicouse a temas culturais, turísticos e educativos, tanto en vídeo, en libro como en vídeo-libro, chegando a ser neste último apartado a terceira produtora de España en canto a producións editadas. Co paso do tempo, ademais do vídeo, editamos diversas producións en DVD, que ofrecía moita maior calidade de imaxe.
En canto a temas turísticos se refire, fixemos guías das cidades de Galicia en galego e castelán. A de Santiago de Compostela publicámola en castelán, galego, inglés, alemán e italiano. E dúas destas producións ("Compostela, Capital de Occidente" e "La Coruña: Luz, piedra, mar, cristal…") foron declaradas de Interés Turístico Nacional polo Ministerio de Comecio e Turismo.
A actividade de Ophiusa foi frenética durante oito anos (1986-1994), diminuíndo logo moito ata a súa desaparición. En 1994 naceu Televisión Lugo, que fixo aletargar a actividade de Ophiusa, ata quedar sen actividade. O mesmo ocorreu con Citania de Publicacións, coa que publicamos igualmente vídeo-libros, vídeos e libros. Despois dun tempo de inactividade, xa en 2024, cedín todos os dereitos de ámbalas dúas empresas e das súas producións, por un importe simbólico. Quédame a honra de haber ideado, promovido, guionizado, dirixido máis de 70 producións. Capítulo pechado.
