Vaise abrir unha rúa entre o Auditorio Carmen Estévez e a estrada a Ferrol, que posibilitará o desenvolvemento dunha zona vilalbesa ata agora arredada do progreso, que coincide á perfección coa miña xeografía do lecer infantil.

No lugar do Auditorio estaban o Cine Parroquial e os locais de Acción Católica. Xusto ó lado íase cara a Pena de Miguel, lugar do río totalmente prohibido pola súa peligrosidade, hoxe domesticada pola praia fluvial.

Un pouco máis adiante, estaba o Rego dos Cochos, lavadoiro que o concello construíra quizais a comezos dos anos cincuenta nunha vagoada onde chegaban as escorrentías da fonte da Porta de Cima.

No Rego concentrábanse as lavandeiras da Porta de Cima e levaban con elas ós nenos. O Rego foi o noso parque infantil.

Perdida a súa función hai tempo, o Rego ven de desaparecer polas obras desta nova vía. Non mereceu a máis mínima consideración, xa que estaba feito con ladrillo e non tiña utilidade.

Logo estaba o Cotarón. Os seus altibaixos facían deste pequeno territorio o lugar ideal para xogar a policías, ó escondite, sestear, e ata para ler en paz mentras o sol da tarde ía caendo.

Ós tres lugares accedíase por separado, pero entreles había como un cordón umbilical, que permitía ir dun ó outro, por camiños entre fincas particulares nos que os nenos viamos mundos incógnitos que merecían descubridores especiais que soubesen valorar as súas fermosuras.

Desde o acceso á Pena de Miguel ó Rego, só había que salvar un pequeño pasadoiro, camiñar entre terras de labor, e chegar bordeando un pequeno precipicio e baixando unha estreita congostra chea de pedras.

Do Rego dos Cochos ó Cotarón, onde se ía tende-la roupa. A miña memoria establece na distancia que se ía por lindeiros de fincas e prados ata aquel lugar sen lei nin límites, onde as empresas depositaban o lixo industrial máis variado. Aqueles residuos –madeiros, ferros, cristais…- eran o complemento directo perfecto daqueles paupérrimos xogos.

Tamén o Cotarón desaparece baixo a noa vía. É o progreso, que impón a súa Lei.
Parece increíble que tanta vida e tantas lembranzas caiban en só 400 metros de lonxitude e 14 de ancho, os que terá esa nova rúa que vai dinamizar a zona e ennobrecer o contorno do Auditorio.

Esta rúa vai permitir facer peatonal a miña Porta de Cima, ancha daquela e estreita hoxe pola que hai quen se permite facer carreiras de coches; e vai permitir que Vilalba se expanda nunha zona na que ata agora parecía prohibido ese progreso que vai unido á construcción de edificios.

As casas que daban á zona da que falo estaban de cara á Porta de Cima e de costas ó río. Vilalba viviu de costas ó río durante moitos anos, nunha antinatural postura que agora se vai resolver, porque ningún pobo pode renunciar a unha bendición como a corrente fluvial que nos rodea desde Os Freires ó Rañego, pasando pola Madanela, outro lugar de fermosas lembranzas infantís.

Tárdame camiñar pola nova vía que será de circunvalación á vez que atallo e factor de desenvolvemento. Que sepultará infinidade de vellas lembranzas, asfaltadas pola uniformidade dun presente de pedra que seguro permitirá lembranzas novas para os nenos de agora nun lonxano mañá.

Porque, ó ser os nenos aventureiros por natureza, terán experiencias nesta nova rúa que o día de mañán serán lembradas con nostalxia.

Aínda que non podo evitar pensar que os nenos de hoxe viven menos aventuras nos espacios exteriores e teñen case todas as enerxías derivadas hacia as aventuras virtuais. Que non están nada mal. Pero son diferentes.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados