Mosteirín fíxolles botar peito. Foi un paso máis na modernización da policía municipal de Lugo.

Á Policía local, coma ó poder municipal, sentoulle ben a democracia. Anovouse, fortaleceuse, e chegou a ser un corpo de seguridade acorde coas nosas necesidades colectivas.

Un, conserva un atávico respecto polas forzas de seguridade, e pretende que o temor que na nenez lle causaban os uniformes, transformado, se consolide como factor de seguridade, de tranquilidade e de convivencia.

Pero un non comprende que un policía se manifeste cos seus compañeiros diante da Casa do Concello, tocando colectivamente o silbato, por moito que os de dentro lle puidesen dar sobrados motivos.

A un dóelle ver como no San Froilán se formaban longas colas de automóbiles na Praza de Santo Domingo no estratéxico paso de peóns, mentras policías locais charlaban das súas cousas á mesma beira.

Teño grandes simpatías pola policía local. E conservo amizades e coñecementos da miña estadía no Concello. Por eso non comprendo calquera acción que a rebaixe. Aínda que quen a efectúe estea totalmente cargado de razón.

Ten que haber outros medios de facerse oir. Postos a protestar contra do concello búsquense accións intelixentes que non incomoden ós lucenses nin rebaixen a consideración que a policía local ten conseguido.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados