Cacharro predica os venres pola mañá, e xa quixeran moitas parroquias ter tal atención á predicación semanal.

Están todos os medios. Mesmo os que habitualmente non poden enviar representantes ás rodas informativas e arreglan o tema por entrevista telefónica.

Radios e televisións, apurando, poden entrar en directo nos informativos do mediodia. Ninguén fai informativos á noite, e menos os sábados.

E para a prensa escrita, perfecto, porque para o sábado hai información atractiva garantida, e aínda queda o domingo para poder comentar algo.

Cacharro sempre di algo sustancioso. Sen alzar a voz, sen inmutarse, zorrega a un lado e a outro, agora coa tranquilidade de que non ten que contentar a ninguén, e de non preocuparse por se alguén se molesta.

A reunión prodúcese despois da semanal Xunta de Goberno na que todos son afins, e non vai rexistrar ningunha incidencia digna de mención polo que a cita cos medios é unha reválida semanal dunha tranquilidade que informativamente hai que aproveitar por irrepetible.

Cacharro predica os venres. Na comisión de goberno, amén. Non imos desentonar os medios.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados