En Vilalba, naqueles lonxanos anos cincuenta, os pais que tiñan especiais aspiracións de futuro para os seus fillos mandábanos á “escola de pago”.

A escola pública estaba no alto do Campo da Feira, onde agora se asenta a casa do concello. Alí fixen as prácticas de Maxisterio moito despois, e comprobei que a formación que se impartía non estaba nada mal.

A “Escola de pago” tiña dúas opcións: Doña Amelia ou Doña Sagrario, que as dúas “crearon escola” e fixeron historia na educación vilalbesa.

No meu caso impúxose Doña Amelia. A razón foi que eu comecei a ir á escola ós tres anos, e era demasiado pequeno para chegar hasta “Á Carretera”, por onde –como o seu nome indica- pasaban os coches, e a verdade é que eu era un pouco arriscado nesto de andar á beira dos vehículos automóbiles.

Así que fun a Doña Amelia, que estaba na praza da Igrexa, na parte de arriba, ocupando unha parte mínima do solar da actual ampliación do Parador.

Por situala fisicamente, digamos que á esquerda segundo se subía estaba a Marmolería, e á dereita, houbo en tempos unha “lechería” que logo foi para Meira, e finalmente o taller do Cernadas, onde había marabillas en aparatos de radio.

Entrei na escola ós tres anos e saín ós dez, directamente para a Academia, despois de aprobar o exame de ingreso no Instituto Masculino de Lugo.

En realidade, doña Amelia eran tres: Doña Carmen, que se encargaba dos máis pequenos; Doña Amelia, á que se pasaba logo, e supoñía o recoñecemento dun nivel cronolóxico e formativo, e Doña Felicia, que non estaba sempre porque debía ter escola en propiedade fóra e só estaba en determinados momentos reforzando o labor das súas irmás.

Modesta, paupérrima escola, de bancos corridos de madeira para os máis pequenos, e banquetas para os maiores que supoño había que levar da casa.

Quedan tan lonxanos aqueles recordos que se me desdebuxa aquel tempo na memoria, e lembro caras tristes e serias naquelas mulleres loitadoras contra da nosa ignorancia, e contra as dificultades da vida, que envellecían naquela mesma vella casa da escola. Eran fillas de Manuel Mato Vizoso, que fóra oficial do xulgado, poeta e historiador, que se ve non deixara ás súas fillas máis capital que a cultura e a vocación pedagóxica. Iso, saberiao moito despois.

Lembro compañeiros daqueles primeiros anos como o Luis do Medallas, O Lilán... Lembro que ó meu lado se sentaba Pepa Baamonde (irmá de Alfonso, o meu amigo), e o desasosego que causaba nos elementos masculinos (en min coma todos, claro) a presenza esporádica de Maricarmen Pena, que nas súas estadías vilalbesas viña xunto a Doña Amelia pasar o tempo de forma proveitosa.

Hai medio século. Veño de cumprir os sesenta. Agora que a memoria non funciona coa perfección doutrora, lembrando aquela lonxana vida escolar, recoñezo que non teño moitos motivos para queixarme.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados