No Ourol dos meus veráns infantís había unha fonte –“Fonte Pouca”– que deixaba moi claro o concepto.

Lembreino cando vin dúas mulleres de idade que contaban as súas penas a un amigo, e unha delas afirmaba “Alegrías, poucas”, evidenciando que no cómputo vital gañaban ostensiblemente as penas.

Pola rúa, vexo un xubilado da banca ó que felicito pola súa liberdade, que él califica de “coenxía”, con significado de “cargo de pouco traballo e moito proveito”. Implícita diferencia entre os dous termos.

Pero a máis clara diferencia atópoa na actualidade política lucense, que se reflicte na enquisa de La Voz que lle aumenta un concelleiro a Orozco nas próximas eleccións a costa do PP, ou noutra enquisa que cifra este aumento en dous, restándolle un ó PP e outro ó Bng.

Falta un mes para as eleccións, os sondeos son só eso, e hai un importante número de indecisos, pero catorce ou quince concelleiros de vintecatro son moitos concelleiros, e poucos os que lles quedan ás outras dúas forzas, aínda que puideran sumarse.

Fontes, alegrías, votos. Coenxías, enquisas, eleccións. Moitos e poucos sempre.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados