Azoroñar é “andar avidamente arredor dunha cousa con ansia de conseguila, como fai o azor”. Eu aprendín, en cambio, que azoroña o que está a velas vir, agardando que outros resolvan os problemas que lle afectan.

Esta ampla fin de semana paseina en Extremadura en viaxe colectiva dos Amigos do Camiño. E abraiándome a monumentalidade de Cáceres, o señorío de Plasencia, o esplendor de Guadalupe, pero indo ó práctico, entroume unha envexa profunda diante da realidade de Mérida, cidade romana.

Había uns vinte anos desde a miña visita anterior. Na actualidade, Mérida é unha máquina perfecta de “explotación” do pasado romano. Magnífico museo, teatro e anfiteatro únicos, acueduto... e unha cidade volcada comercial, turística e culturalmente, en amosar ós que alí acudimos que Roma está no subsolo e á vista, pero sobre todo nas mentes dos seus rectores.

Non sei quen goberna Mérida, nin penso enterarme. Algo así só pode lograrse poñéndose todos de acordo, independentemente da política, tendo por cor a do pobo común.

En tanto, aquí, seguimos laiándonos por temas puntuais, pensando no día, no inmediato, pero non máis alá. Azoroñando, en fin. Sexa agardando como o azor que o futuro nos caia do ceo, sexa na miña acepción vilalbesa de pasar o tempo en cuestións sen importancia. Vivindo nun marasmo que moitos cren propio dunha cidade bimilenaria. Que Roma nos perdoe non saber sacarlle máis rendemento.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados