Nos meus veráns infantís no rural, aprendín nomes fermosos do animado e do inanimado, nun galego de cortello -como dicía o político- e non de granxa, que segue vixente corenta anos despois.
Ó ser as vacas como da familia, todas tiñan nome propio: Linda, Garbosa, Gallarda, Marela... Logo, nun tempo de invasión cultural, as pobres xovencas chamáronse Vanessa, Katerina ou Suelen, mirándose en santorais extranxeiros onde os nosos paisanos andaban a triunfar.
Por fin, as xatas deixaron de ser bautizadas con nomes propios, e o seu documento de identidade deveu nun número gravado nunha chapa colgada da orella que ven ser -perdoando- como o da Seguridade Social, que corresponde ó seu expediente sanitario vital.
Que de recordos me viñeron á memoria cando me enterei que hai unha Linda 2007, que representa non sei se a Lugo ou a Galicia, que vai participar na final de Benalmádena, tentando deixar moi alto o noso pavillón.
Aquela Linda de outrora era unha das miñas preferidas: corpulenta, pel moi branca, pacífica, que non moscaba nin nos días de máis calor. Pero como case nada é o que era, tamén nesto levei desilusión cando me enterei de que a Linda 2007 non tiña nada que ver coa cabana vacuna do país, senón que era o título dun concurso de fermosura feminina.
Será fixación rural, pero non o dou entendido. E, polo título, non sei quen deben estar máis ofendidas, se as vacas ou as rapazas.