Ona de Echave foi o último bispo de Lugo espectacular, revestido dun pontifical interior do que nunca puido separarse por cronoloxía e formación.

Fixo nacer Radio Popular de Lugo, e permitíu que non fose unha emisora clerical senón moza, libre, aberta ó que estaba a pasar en Lugo e ó que sentiamos os mozos tripulantes.

Ona era distante pero non insensible: aínda gardo un bolígrafo de ouro que me regalou cando Marcial e máis eu gañamos para Radio Popular o Premio Internacional de Radio do Bimilenario de Lugo.

Logo veu, e leva vintesete anos, Frei Xosé. Era galego, humano, falaba, cantaba, escoitaba, e atendía directamente o teléfono, de nove a dez da mañá, para estar en contacto directo cos lucenses. Frei Xosé humanizou o pazo da praza de Santa María, e case consegue poñer ó día a Igrexa lucense. Aínda falta, pero leva adianto con relación a outras.

A era de Frei Xosé durou algo máis dun cuarto de século. A idade e a saúde, marcaron o remate do seu goberno, e síntoo porque é un home respectado e querido.

E chega Alfonso, fillo de Visita Rouco, amiga e veciña da Porta de Cima, neno cando eu deixaba de selo. Góstame por idade, por talante, por idioma, por vilalbés.

Moito cambiou o Lugo relixioso de Ona a Frei Xosé. Moito cambiará de Frei Xosé a
Alfonso. Tempos novos piden novos xeitos.

Mato (e outros) ha seguir sen ser coengo, nin vicario, nin arcipreste. Evolución si, pero non revolución.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados