Por maio, era por maio de 2007. Viaxabamos un numeroso grupo de turistas lucenses pertencentes á Asociación de Amigos do Camiño nun barco polo Nilo arriba, perto de Assuán.
De repente, vimos vir unha pacífica e multitudinaria invasión. Ducias e ducias de pequenas embarcacións que, ó achegarse, vimos poboadas -ateigadas- de diminutos exipcios que a berros nos cantaban algo que soaba como La española cuando besa / es que besa de verdad. / Y a ninguna le interesa / besar por frivolidad.
Asombrados, comprobamos que os nenos asaltantes só agardaban a nosa comprensión en forma de algunha moeda, para o que demostraban a maior das afinidades coa nosa cultura.
Entre canción e canción, berros a Ronaldinho e outros moitos heroes do deporte de masas por parte dos aguerridos uniformados con camisetas do Madrid e Barcelona, como demostración de que a nosa universalidade empeza polas extremidades inferiores.
O espectáculo remataba coa canción que houbera emocionado a José Martí, tan lonxe na distancia e no tempo: "Cuanta Lamela / Guajila cuanta Lamela... Cuanta Lamela / Guajila cuanta lamela...!".
Xa o tiña medio esquecido. Véuseme á memoria estes días nos que Rajoy tenta para os emigrantes un achegamento decidido ós costumes e á cultura española. Aqueles exipcios do alto Nilo navegando en botes de folla de lata, remando con latas valeiras, houberan superado esa proba con matrícula de honra.