Eu de pequeno debía ser bastante “repugnante”, como no noso rural se dicía dos que non respondían “normalmente” a xestos, actividades ou alimentos.

Non me gustaba o caldo e era un suplicio tomar aquela algarabía vexetal mergullada con innominados productos cárnicos dentro dun líquido que me parecía ofensivo. Na actualidade, e desde hai ben tempo, son un caldoadicto ó de grelos, repolo ou nabizas, gozando repetidamente dos seus placeres, podendo na mesma comida telo como introito e postre á vez.

Non me gustaba o queixo. E non me gustaba o de San Simón, que me parecía moi duro, moi forte, moi escuro. Hoxe, unha táboa de queixos é unha ledicia, empezando polos de untar, pasando polos da Ulloa, chegando ós que parecen podres e atacan ó sentido do olfato, reverenciando os queixos vellos de Castela, ou os fariñentos do Cebreiro que se desfán para mellor conxuntar co marmelo ou o mel como axeitado postre. E teño ó de San Simón como gloria para catro dos meus sentidos.

Para a vista, con esa forma amorosa, que tanto é de peito feminino como dos montes dos lindes da Chaira; cun tamaño perfecto para ser manexado, con esa cor morena que nos promete fortaleza e misterio. Ver unha ringleira de queixos de San Simón é disfrutar dunha paisaxe estética, proporcionada, fundamental.

Para o olfato, pechando os ollos para concentrarnos, comprobamos que en primeiro lugar ule a fume. Logo percibes o olor da masa que pode co do fume e que ó mesturarse te transporta a un tempo no que as lareiras labregas eran un paraíso de olores para “colocarse” dun xeito natural.

Para o tacto… Eu ás veces sinto como se fose algo pecaminoso o tacto dun queixo de San Simón… Terso, aterciopelado, dunha lisura medio granulosa, con curvas harmoniosas que se na base buscan a estabilidade, na cúspide rachan bruscamente a traxectoria para que saibas que o mundo é finito, e os placeres deveñen punzantes.

Para o gusto… Prefiro anacos pequenos pero grosos, para darlle traballo primeiros ós incisivos, logo apreixar o queixo entre a lingua e o padal, e por fin trituralo coas moas masticadoras, pechando os ollos.

Para o sentido do oído, non se me ocorre nada, quizáis porque cos outros catro teño abondo: primeiro vista, logo olfato, despois tacto e por fin o gusto. Se algo de pecado hai, confeso atrición, nunca contrición e sen o máis mínimo propósito da emenda.

A min de pequeno non me gustaba o queixo de san Simón por duro, escuro e forte. ¡Pobre!. O de facerse maior ten vantaxes, e esta non é das máis pequenas. Se isto fixese regla, o noso sería un queixo para maiores de idade. Pero non todos os nenos son tan “repugnantes” como fun eu.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados