En Internet está todo. Mundo virtual que moitas veces substitúe ó real, superando ó real.

Non no caso que nos ocupa no que aparecen na rede webs como www.quieroconfesar.com, que permiten liberar as conciencias recibindo os “confitebor” como se dun dos nosos cregos se tratase.

Para garantir o segredo de confesión –o que neste caso se chama confidencialidade- asígnase un número a cada internauta preocupado pola súa conciencia, e así baixo código numérico pode explaiarse contando problemas e culpas, desexos e confidencias.
O tema é un problema de conciencia. Quen se confesa con todas as da lei (relixiosa) ten que facelo de viva voz, despois de examen de conciencia, contrición de corazón, propósito da enmenda e satisfacción de obra. Por Internet é máis doado: Non hai máis que escribilo e darlle a “intro”.

Básicamente é o mesmo. Formalmente, non. E espiritualmente, que queren que lles diga, nesto o contacto verbal persoal segue a ser esencial.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados