Anda pola Rede a xeito de correo electrónico e mesmo “colgado” nalgún blog, un poema sobre o actual alcalde de Lugo, onde se pon en solfa a súa traxectoria, a súa vocación política, as promesas ate agora non cumpridas, e o seu posible destino nalgunha embaixada española unha vez rematada a súa etapa no concello lucense.

Mágoa que se trate dun anónimo, perfectamente publicable por outra parte xa que en todo momento mantén as formas esixibles, e podería encaixar plenamente nos espetóns que o mércores de cinza escoitamos no Enterro da Sardina diante da Casa do Concello. Pero cando o autor quere permanecer no anonimato será porque ten o rabo de palla e non quere sufrir as iras incendiarias do mandatorio lucense que ten demostrado ter un xenio moi sensible en relación coas cousas que lle afectan.

A poesía social tan en boga nos sesenta está hoxe en decadencia, e a política non parece manter relacións coas versificacións. Cabe suponer pois que o autor ou autora mantén tamén o seu anonimato para que non o acusen de perder o tempo cun xénero tan minoritario (refírome á poesía política) que na actualidade non se cotiza e queda relegado ó capítulo de cousas curiosas ou anecdóticas.

O que non creo que sexa verdade é esa malevolencia que me chegou no sentido de que Orozco está buscando ó autor ou autora deste romance anónimo para facelo ou facela Cronista oficial da Cidade de Lugo.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados