Mítico lugar da nosa terra, o Pedregal de Irimia, primeira fonte do Miño. Neste especial natalicio, o proceso non comeza na fonte cando a auga sae ó exterior. Hai un necesario proceso xurdidor, unha corrente baixo as pedras que ó facerse escoitar nos fai sentir a forza do río nonnato.
Teño subido pedras arriba a escoitar as augas. Deitado nas penas, óese fluir aló debaixo a corrente imparable que desde aquela altura debece o mar.
E se outras augas alimentadoras do Miño agurgullan en Fonmiñá como unha aportación visual ó Pai de auga desta terra, é no Pedregal meirego onde un mellor entende que o río que alí brota nace para ser rei, cun duro aprendizaxe de longo camiño, no que vai medrando e morrendo; medrando como río, esvaéndose como rei ata chegar ó mar que é o seu morrer.
No Pedregal, se un é crente, ve a man de Deus que exprimindo na terra fai nacer un fillo predilecto. Para os non crentes é a natureza a que se pon de parto. Para todos, flúe a vida que non atopa mellor xeito de manifestarse que nunha corrente de auga que nos identificará para sempre.