Aínda que sexan puras referencias convencionais, os cumpreanos merecen ser celebrados, sexan de persoas ou de institucións.

Nos casos de persoas, con límite previsible no tempo, as celebracións fanse ano a ano. Cando se trata de institucións, sin límite previsto, os cumpreanos celébranse máis de tarde en tarde. E en Vilalba, agora chegoulle o momento ó Hospital-Asilo, que ven de cumprir cen anos. Eso merece ser celebrado, e están neso, na celebración.

Cen anos dunha institución é moito tempo, tempo ben aproveitado se se trata de atender ós máis desfavorecidos, e o Hospital Asilo de Vilalba tense acreditado neste tempo como unha institución enraizada nun pobo, que ten aportado solucións humanas a moitos problemas que eran competencia de máis altas institucións oficiais.

Cen anos son moito tempo. E chama a atención que a comezos do século XX -xuño de 1909- se lles ocorrise ós vilalbeses con preocupación social organizar unha institución que atendese a persoas con problemas especiais dentro da problemática xeral existente, e nacese unha institución modélica que cen anos despois ía ter plena vixencia e vitalidade.

Desde 1937, que comezou a atención ós necesitados ata a década dos sesenta, a atención foi relixiosa, e unha orde de monxas se ocupaba da asistencia ós desvalidos. A presencia das monxas polas rúas de Vilalba era habitual a diario e mesmo pola miña Porta de Cima pasaban a cotío monxas por duplicado – sempre ían por parellas – e eu, sendo ben pequeño, tiña o costume de achegarme a elas a bicar o gran crucifixo que portaban.

Ata que un día non viñeron as mesmas monxas, e unha “Sor” nova non comprendeu a miña inocente devoción infantil e rexeitoume de mala maneira. Eu era moi noviño e só lembro o que miña nai me contaba, pero deixei de bicar cruces de monxas para sempre.

Eso non quita que as monxas fixeran un labor excelente, que agora é máis profesional, máis organizado e planificado, e a institución xa non é un asilo de anciáns onde se atendía ós desvalidos senón que se ten incorporado ó sistema xeral de atención á terceira idade nunha sociedade na que se camiña a pasos axigantados na atención total á xente con problemas.

Un amigo e medio parente, Jesús Vázquez Paz, é o seu capelán; amigos de toda a vida figuran no Padroado desta institución. E 151 vilalbeses residen nesta institución, na que traballan 51 persoas. A todos desexo sorte permanente no seu traballo, e longa vida a unha institución que é unha garantía de futuro para os maiores vilalbeses.

Un alcalde amigo comentaba hai tempo que o único rendible nesta terra eran os vellos, que as casas da aldea que mellor íban eran as que tiñan varios vellos pensionistas, e que o mellor negocio que se podía montar era unha “granxa de vellos”. Naturalmente, era unha broma orixinada polo cambio social que Galicia experimentou no momento en que a xente da terceira idade do rural comezou a cobrar a correspondente pensión por mínima que fose.

Daí o valor que en tempos tivo o Hospital-Asilo atendendo os que non tiñan pensión nin axuda. Daí o valor que agora ten o Hospital-Asilo atendendo a todos, sexa cal sexa o importe da súa pensión.

Van cen anos desde a creación oficial desta benemérita institución, os cen primeiros anos do Hospital-Asilo. Noraboa a todos, noraboa Vilalba.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados