Levan tanto tempo os nosos políticos convencéndonos de que hai que ser realistas nos gastos vistos os ingresos, aínda que eles non prediquen en xeral co exemplo, que tomei a sublime decisión de restrinxir radicalmente os meus gastos supérfluos.
A piques de convertirme en pensionista normaliño de acordo coa realidade imperante, empecei a botar contas do que gasto en cotas de diversas entidades por solidariedade ou inercia, e sumando outras cousas perfectamente prescindibles obtiven unha cifra anual que equivalía á que vai ser a miña pensión mensual. E decidín que non poido gastarme o doce por cento dos meus futuros ingresos en actividades nas que non participo, polo que decidín darme de baixa.
Nesta primeira fase de restriccións autoimpostas costoume moito a toma de cada decisión, pero a situación obriga á toma de decisións que doen pero hai que adoptar. Porque un pode levar máis de corenta anos de pertenza a unha determinada sociedade sen case poñer os pés nela, pero cando as cousas se poñen serias, serias teñen tamén que ser as decisións que se adopten.
Na mocidade, complicámonos a existencia coa pertenza a sociedades, colectivos, que coidamos reforzan a nosa personalidade, respaldan a nosa actividade, impulsan a nosa traxectoria. Pero cando chega o momento de coller só a bagaxe esencial equipaxe, en fin- eliminando o bosque da área de visión para ver con claridade as árbores, un descobre que a moitos efectos a vellez é a etapa máis rotunda, clara, xeitosa - ¡Feliz?- desta complicada existencia. E o das baixas en determinadas cousas pode non ser máis ca unha metáfora dos desprendimentos que a propia vida vai esixindo como peaxe.