Miña avoa materna vivía nas Pontes de García Rodríguez, e xa que eu vivía en Vilalba, adoitabamos visitala nos días da feira que se celebraba os días 1 e 15 de cada mes.
Adusta coma o tempo que lle tocara vivir, arruinada pola quebra da Banca Romero, marcaba distancias cos seus fillos que sempre a trataron de vostede. Posiblemente eu fose o único neto que, polos usos e costumbres da miña casa, atueina sempre.
Cando un neno facía algunha mínima trastada ou protagonizaba algún desaguisado o apelativo estaba garantido: Morral, que és un morral, que nos deixaba impávidos porque non tiñamos a menor idea e posiblemente ela tampouco- de a que se estaba a referir.
Andando o tempo, deume por pensar en que seguramente se refería a Mateo Morral, o autor do atentado frustrado contra Alfonso III o día da súa voda, en maio de 1906.
Mateo Morral non era un desarraigado social, senón que era profesor e bibliotecario da Escuela Moderna. Estivo perdidamente namorado de Soledad Villafranca, a compañeira de Ferrer y Guardia, republicano e masón, fundador da Escuela Moderna, fusilado despois da Semana Trágica aínda que pouco tivo que ver con aquel desastre.
O impacto que tivo que supoñer na Galicia daquel tempo un intento de rexicidio, faría convertir o apelido do terrorista en denominación común do que facía algo abominable, ata chegar a ser apelativo para calquera gamberrada aínda que fose infantil.
Ben pensado é como se hoxe lle chamasemos Gadafi ou Ben Laden a calquera delincuente, e por extensións aos nenos rebeldes e difíciles de controlar.
Posiblemente Mateo Morral tiña máis altas miras no seu atentado contra o Rei, coidando cubrirse de gloria. E sen embargo rematou sendo un simple coco para asustar e de paso aleccionar- a pequenos que non se portaban ben.
Pasa moitas veces que os que se coidan chamados ás máis altas empresas acaban enlixados en escuras aventuras, sumidos na máis fonda das vergoñas.