Un voceiro do goberno central falou dos membros do 15M recentemente, curándose en saúde diante da previsible celebración do primeiro aniversario dun movemento que asombrou a todos polo inopinado da súa aparición, pola súa innegable coherencia e pola trascendencia no espazo e no tempo das súas iniciativas.
Destacou que as manifestacións en tempo e forma eran totalmente legais e respectables, pero que de ningún xeito se ía a permitir a ocupación de espazos públicos a xeito de acampadas ou concentracións similares. E a autoridade competente parece disposta a cumprilo, demostrándoo días pasados en Madrid onde na Porta do Sol se xuntaron case tantos policías como concentrados para disuadilos de calquera iniciativa de facer súas as rúas e aquela praza.
Sol era un fervedeiro o último venres de abril a última hora da tarde cando empezaron a xuntarse rapaces novos sen orden nin concerto, e a poboarse praza e cruces inmediatos con coches de policía dos que sairon centos non chegarían a mil, non pero eran centos- de policías armados convenientemente.
E a praza era azul mentras o sol brillaba detrás das nubes. E logo os tonos foronse igualando, pero mentras o número dos que non chegaban a ser manifestantes, que manifestación non houbo senón concentración, foi reducíndose diante do impresionante desplegue, os policías mantivéronse impertérritos ata ben entrada a noite, evidenciando que aquel era territorio público, tomado polas forzas da orde pública.
O aniversario do 15M comezou xa en abril, ao remate do mes. Pero, polo que se ve, ou moito cambian as cousas ou nada vai ter que ver coa versión orixinal.