Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo, é un lucense da arte con medio século de exercizo profesional e amador na pintura e na fotografía.

Coñecín a Zalo cando facía – hai arredor de corenta anos- magníficos debuxos e caricaturas para unha revista dos teleclubs, que a técnica da época obrigaba a confeccionar en negativo sobre clichés para logo confeccionar os exemplares a multicopista. Logo puiden ser testemuña do seu traballo como magnífico debuxante e pintor. E tamén como fotógrafo.

En fugaz incursión madrileña visitei a súa exposición “O río da vida”, aberta na Casa de Galicia na capital de España, e por uns minutos non coincidín co autor naquela visita delongada nas magníficas instalacións do palacete de Casado del Alisal, onde Galicia ten a súa representación oficial dirixida polo lucense Xosé Ramón Ónega.

Esta mostra antolóxica da fotografía de Zalo, formada por un cento de fotos –algunhas ben coñecidas polos lucenses- ocupou tres salas da Casa de Galicia en Madrid. Dúas na planta baixa (unha no salón de actos) e outra na primeira planta, recibindo un tratamento especial de homenaxe para o creador lucense que resume deste xeito os seus primeiros corenta anos de producción fotográfica.

Completou a mostra un magnífico catálogo que se entregou a todos os visitantes, no que se publicaron as imaxes máis impactantes desta mostra que constituiu unha persoal visión testemuñal da vida, das paisaxes e das xentes da nosa terra que o obxectivo de Zalo foi captando en momentos irrepetibles que quedan perpetuados así para a historia.

E Zalo acreditouse en Madrid como gran fotógrafo, como aquí todos sabemos. Ademais de excepcional debuxante e pintor como ten demostrado en centos de ocasións.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados