A un parécelle que as cousas son máis doadas do que son, e que na actividade cotiá non hai que complicalas.
A min parecíame que a escala local, en Vilalba por exemplo, Garda Civil e Policía local camiñarían da man a diario, chamándose para contarse cousas e poñerse de acordo en calquera acción. Pero polo que se ve a cousa é máis complicada aínda que si, que se poñen de acordo.
Días pasados celebrouse en Vilalba unha xuntanza da Xunta local de Seguridade para formalizar a adhesión do Concello vilalbés ao protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os corpos da policía local para a protección das víctimas de violencia doméstica e de xénero. A min, inocente destas cuestións, parecíame que eso estaba establecido como principio, e non había nada que establecer. Pois non, e Vilalba é o segundo concello da provincia que o fai, despois do de Ribadeo. Polo que se ve, nin a capital lucense ten clarificado este tema.
De acordo con esta nova situación, tanto Garda Civil como Policía Local traballarán xuntos no tema da violencia, e a policía local terá acceso ás bases de datos nacionais sobre esta materia.
E como as cousas requiren os seus procedementos vaise constituir unha Mesa de coordinación policial formada por membros da Subdelegación do Goberno, Garda Civil e Policía Local, para reunirse de xeito periódico e concretar actuacións e resultados.
E como todo permite hoxe ser contabilizado e feita a correspondente estadística, soubemos a resultas desta reunión que no concello nos oito primeiros meses deste ano se rexistraron 166 denuncias por infraccións da lei, das que 67 son delitos e 99 son faltas. E por se nos parece, que me parecen, moi altas as cifras para un concello considerado tranquilo, rexístrase un descenso do 6,7% en relación co ano anterior.
Diante desto, e tendo en cuenta o necesario que é que as forzas da orde manteñan este e controlen todo o que interfira na convivencia cidadán, gustariame suxerir outro aspecto de actividade, que poderiamos considerar de prevención ou efectos positivos en relación coa xente maior que vive sóa e que pode precisar de atención en calquera momento. E refírome á ancíá de Goiriz que permaneceu varios días caída no seu domicilio, sen que ninguén soubese dela, e que foi rescatada desafortunadamente producíuse logo un desenlace non previsto- pola preocupación dos seus veciños.
Nun concello que, aínda de grandes dimensións e numerosa poboación, as forzas de seguridade garda civil e policía local- teñen un fondo coñecemento da realidade e das xentes, debe darse un maior seguimento de casos coma este, en relación cos servizos sociais, e demais mecanismos que a administración posúe. Polo demais, parabéns porque Vilalba sexa un dos concellos punteiros da provincia en coordinar as súas forzas da orde, polo ben de todos.