Como aínda dura a resaca da folga, entendamos que -aínda de xeito prolongado- estamos no "día despois".
Eu son un incondicional da Ciencia Ficción, xénero no que hai títulos que pasarán á historia do cine, entreles a película que se titula El día después, O día despois.
Plantea un holocausto nuclear a mediados dos anos oitenta, cando a chamada guerra fría enfrontaba aos Estados Unidos e a Unión Soviética. E o día despois refírese ás consecuencias inmediatas e definitivas despois de que se desatase a traxedia definitiva.
Hoxe é o noso día despois. Aínda que non poida calificarse o de onte de holocausto nuclear, o certo é que foi unha certa desfeita. Pasei a mañá en Madrid, onde segundo as crónicas se armou unha boa, e eu só vin centos de coches nas rúas, peatóns tranquilos, comercios abertos, e vida normal agás as rúas do centro onde, lembrando outra película esta española- armouse o belén.
Sexa holocausto (hai outra película titulada holocausto caníbal), sexa belén o que onte aconteceu, sexa merenda de negros como califica o noso argot ás desfeitas coma esta, hoxe estamos no día despois no que habería que calibrar co sentidiño que se nos supón aos galegos, de que valeu a folga xeral convocada para onte, cantos de nós fomos á folga, cantos foron verdadeiramente convencidos e cantos á forza, e que beneficios obtén esta sociedade convulsa, preocupada e empobrecida na que nos atopamos, do que onte aconteceu.
Teño idea de que en Oriente inventaron unha folga especial, chamada á xaponesa que consiste en traballar moito máis ca normalmente, para producir moito máis, e que así as empresas teñan problema para dar saída ó exceso de producción obtida.
Xa que nos gustan tanto as cousas que veñen de fóra, xa me gustaría vivir algún día despois dunha folga á xaponesa, na que os traballadores puxeran nun brete aos empresarios por forzar á marcha da empresa. E mesmo gustaríame ver aos sindicatos apremiando a empresas e traballadores para que apretasen o paso e fixeran unha verdadeira folga xeral.
Ata os xubilados faríamos, non sei como, unha entusiasta folga xeral. Se algún día consigo vivir un día despois así, coido que poderei morrer tranquilo.