Hai tempo que algo se move dentro do PSOE, o que ten que ser sinal de vitalidade, aínda que cada quen ande a buscar o seu lugar baixo o sol. En Madrid, ao que os socialistas chaman escala “Federal”, Carme Chacón volveu dar mostras de impaciencia por encontrarse frontalmente co actual lider, Rubalcaba, que sen embargo opina que esa confrontación celebrarase “cando toque”, e se vislumbren no horizonte citas políticas importantes.

En Galicia, cen militantes socialistas asinaron un manifesto titulado “En Positivo”, pedindo unha rexeneración orgánica no Partido que o libere da situación de dependencia desa escala “Federal”, consiga liberarse da endogamia, abra un debate interno, acade un liderado colectivo e incluínte con elección de cargos nas correspondentes primarias, se relacione con colectivos simpatizantes non militantes, adopte un galeguismo cosmopolita e consiga ser un referente ético, cun proxecto alternativo ao do Partido Popular.

E en Lugo a iniciativa dun “Partido diferente” está a cargo do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que revoluciona ao partido preguntando e suxerindo, abrindo un tempo de opinión para nel ver de catapultarse como futuro posible lider nun tempo político ben difícil no que haberá –esste Partido e todos os que aspiren a ser alguén nesta terra- que plantar cara a todos os graves retos que a sociedade ten pendientes de resolver.

O certo é que en termos absolutos, non é mal candidato para abandeirar un novo tempo do PSOE en Lugo e máis aló, en toda Galicia: é novo, dotado dunha formación sòlida, con excelente imaxe pública, e un acreditado don de xentes e magnífica relación con todos. En termos relativos, xa non digamos, que despois dos problemas de tipo legal de José Blanco e López Orozco, a verdade é que a de Besteiro é a imaxe máis clara, nítida, potente, que o PSOE pode ofrecer desde Lugo como mascarón de proa dunha nave que debe navegar por mares procelosos na percura dunha boa viaxe.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados