Teño que confesar que desde que abríu ao público, a min éncheseme a boca falando do Auditorio de Vilalba, sen dúbida o mellor existente na provincia de Lugo, incluída a capital que tanto tempo despois non ten máis Auditorio que o que Vicente Quiroga construíu hai case trinta anos reformando unha vella nave da antiga factoría Frigsa.

En Vilalba a existencia deste Auditorio foi posible pola conxunción de determinadas circunstancias. Unha delas, e ben importante, foi que Carmen Estévez Eguiagaray – da que agora o Auditorio leva o nome- namorouse da idea e non parou ata que Vilalba tivo este auditorio. Carmen Estévez estaba casada con Manuel Fraga, daquela Presidente da Xunta, e foi o acicate para que o Conselleiro Cuíña nos dotase dunha instalación coma esta.

Foi tamén bo que daquela fose época de expansión e alegría económica, e que a Xunta puidese investir máis de mil millóns de pesetas nunha instalación coma esta, cun escenario no que se pode representar calquera espectáculo cultural, con máis de cincocentos posibles asistentes, e locales para a Banda, exposición, e diversas actividades.

Daquela non se pensou, parece ser que ninguén o pensou, que unha instalación coma esta precisaba un mantemento a longo prazo, acorde en custo co orzamento da súa construcción. E non se calculou, porque era un agasallo de categoría e a un agasallo coma ese nin se lle poñen tachas nin se pon un a discutir canto lle vai costar mantelo.

O caso é que pasaron quince anos, e como toda obra humana, o edificio precisa reparacións urxentes que eviten filtracións de auga e maiores deterioros da instalación, calculándose que a posta a punto do Auditorio pode costar arredor de trescentos mil euros, que veñen ser cincuenta millóns das antigas pesetas.

Así están as cousas. Esto non é culpa de ninguén, máis que dos elementos que van “gastando” un edificio, que hai que reparar. E é moi lóxico que no concello, tanto o goberno como a oposición, estean preocupados por darlle solución a este problema que evolucionará e farase máis grande canto máis tempo se tarde en solucionalo.

Pénsase na Xunta e na Deputación como institucións que poden e deben axudar neste problema, polo que ben poden poñerse de acordo PP e PSOE en dirixirse ás dúas insstitucións, para conseguir axudas por parte das dúas: Os do PP na Xunta e os do PSOE na Deputación, e conseguindo resultados, todos contentos.

Que ese é o xeito... discutindo os políticos entre eles non se gana nada. Planteando os temas conxuntamente, onde mellor un pode facelo, hai garantía de solución. Pois iso.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados