Na miña nenez circulaba profusamente a efectos pedagóxicos un refrán en castelán que afirmaba que palabra dicha y piedra suelta no tiene vuelta. E do mesmo xeito que os nenos comprobábamos que era verdade que as pedras despois de ser tiradas provocaban danos cos que non se contaba e xa non tiñan arreglo, aprendiamos que as palabras había que pensalas antes de dicilas, e cando era publicamente alomenos dúas veces.
O Alcalde de Baralla debe ser bastante máis novo ca min e no seu tempo xa non circulaba este refrán, que se non a boa hora pronunciaba no fragor dunha sesión municipal unhas palabras das que seguro se terá arrepentido nas que afirmaba que algo farían os que no tempo do franquismo sufriron persecución e morte.
Se fose maior, entendería que non se pode falar do franquismo en vano, especialmente os que nos fixemos homes sen saber nada do que pasara e do que estaba a pasar, xa que o sistema tiñanos convencidos de que viviamos nun mundo feliz, onde o mellor era non meterse en política para evitar problemas.
Pero unha vez se nos abriron os ollos, comezamos a saber e entender o que pasara e a costa de quen, e vivindo nun novo tempo fomos contrastando as realidades dun e doutro rexime, e se hoxe nos parece que esto está totalmente podre, en bancarrota e caéndosenos todo o que nos abriga, aínda así parafraseando a Alfonso Guerra- a esta España non a coñece nin a mai que a paríu se se compara con aquela España que vivimos sen coñecer a súa verdadeira cor.
Ou sexa, que eu entendo que ao Alcalde de Baralla se lle quentou a boca no fragor da discusión, que lle faltaron argumentos e acudíu ao único que ninguén lle vai admitir. E que aínda que hai moito de política na trifulca que se armou, hai que recoñecer que esas palabras ditas que como as pedras, non teñen volta- nunca deberon dicirse.
Iso a pesar de que os mortos do franquismo estaban xulgados por xuíces que acataban e facían cumprir leis en vigor, e se cumprían os requisitos que as leis esixían. Porque non sería xusto pero o sistema estaba perfectamente montado.
Aínda así, ben fai o Alcalde de Baralla en retirar as súas palabras, e pedir perdón, e mesmo reiteralo no Pleno que se celebrou este xoves. Que seguro que todo vai resultar pouco.