Razón tiñan os que consideraban a construcción o tractor da economía de Galicia e España, pois mentras este sector estivo puxante non deixou de medrar de xeito imparable, arrastrando con el ao subsector de materiais de construcción, á decoración e aos mobles, aos arquitectos e aparelladores, ás grúas, os ferros... e un sen fin de empresas e autónomos que se beneficiaban da tola desbandada de precios nun mercado no que non había límites.
Naquel país (de Jauja ata hai seis anos), os constructores aumentaban sen cesar o número dos seus empregados, facían que os seus fillos estudiaran arquitectura para pechar o círculo de producción, e as grúas nacían por toda a xeografía galega como a especie máis frondosa que pode xurdir da terra.
Dentro desta efervescencia, os concellos foron dos máis beneficiados porque os onerosos dereitos de licencias nutrían presupostos e permitían aumentar plantillas, asumir competencias, e afrontar obras difíciles de conservar e manter en actividade.
Porque ese motor gripou e todo desapareceu como o soño dunha noite de verán. E agora en Galicia, dos 315 concellos, cen de eles non rexistraron a construcción dun só edificio no ano pasado.
O parón afecta de xeito especial ao interior de Galicia, mentras que a construcción segue funcionando nas cidades, ainda que as cifras sexan modestas xa que o total de inmobles que agora se constrúen anualmente ven ser a quinta parte dos que se construían antes de que a crise comezara.
Que vai pasar agora?. Por moito que se nos diga que existen brotes verdes na economía, sabemos que o emprego non despega, que se seguen destruíndo postos de traballo, que non se constrúen edificios, que non se mercan pisos, que os bancos non conceden créditos, e que vai tardar moito en que esta situación mellore.
Certamente, esta é a nai de todas as crises. E os concellos son os que agora o notan nos seus presupostos, e os arquitectos nos seus honorarios, e os constructores nas súas plantillas xa inexistentes... Pero como a esperanza é o último que se perde, teñamos confianza de que esto algunha vez ten que mellorar. Ogallá vivamos para velo.