Chamáronlle “encantador de serpientes” e o cáustico Alfonso Guerra cualificouno como “tahúr do Missisipi”, pero o certo é que Adolfo Suárez foi un político milagro nun país que precisaba milagros para seguir vivindo. Santiago Carrillo, cando Suárez foi nomeado Presidente do Goberno, considerou que o rei cometera “un inmenso erro”, aínda que co paso do tempo cambiaría de opinión.

O mozo Adolfo Suárez foi quen de patronear o navío matricula “España” e facer que navegase nunha tormenta perfecta onde os terroristas de Eta e doutras parecidas calañas mataban sen parar, especialmente a militares, e os militares nos cuartos de bandeiras berraban descontentos que cristalizarían no 23F de 1981 no peor momento da nova España que nacía.

Suárez conquistou –con palabras ou silencios- a tirios e troyanos, e como case sempre ocorre, desapareceu da escea política porque a súa Unión de Centro Democrático morreu de éxito mentras nela ía medrando unha camada de descontentos, de aspirantes a ser máis ca os demais naquela España entre os setenta e os oitenta, e como novo Cesar atopou unha ducia de Brutos que o apuñalaron moralmente en canta ocasión tiveron.

A vida tratou mal a aquel Suárez valente, ilusionado, intelixente, que quixo cambiar o mundo e cambiounos a todos nós. Dous dos máis modernos xenetes da Apocalipse abatiron o seu paso: o cancro levouse á súa muller e á filla maior... E o Alzheimer levouno a el matándoo intelectualmente moito tempo antes da morte física nestes idus de marzo do 2014.

Foise Suárez, e recibíu honras de Estado por ser quen nos fixo maiores de idade como pobo, nos sacou da dictadura dándonos voto e partidos, ilusión e talante.

Puido a súa vida interior baixar ao nivel cero (Moitos en política andan asi, e non se enteran), que Suárez sempre será o xigante que conseguiu que volvésemos a sentir ledicia de vivir e orgullo do noso papel no mundo.

Agora que se foi, os que en tempo o vilipendiaron e lle negaron todo, cantan as súas virtudes porque xa é historia. Foi un político que nunca foi problema e si solución. España fixo ben en poñerse de loito e honrar ao político que debe ser considerado un dos pais da actual patria de todos.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados